martes, 1 de septiembre de 2009

libros publicados e ensaios poéticos



















3 en saio: 1a casa, 1a habitación, 1a palabra: 3 en saio 3

a casa: obra colectiva entre arquitectos e poetas




a habitación: Revista de arquitectura "O monografías"



a palabra impide (ou)


poemas da cidade oculta
(I)
A min e non a ti
mordeume de neno unha balea
e no espiral de A.D.N.
mesturóuseme a dolor con tres pasos e tres golpes:
as chemineas enchéronse dos bechos máis pequenos
a cola do alacrán habitoume polos brazos

e a memoria

a memoria

a memoria é un animal
con solitaria.

(II)
E atravesados pola barriga
ela e eu
morremos xuntos cada mes
como se a cera das rúas
estivese máis mesta
e os barcos afundisen
baixo a pel das grúas.

Explícame sen ferirme
o tránsito do deserto
cantos son os nenos
que morreron nos portais
deixándose os labios
baleiros de memoria
cantos son os animais que nos quedan
e quen nos roubou o abecedario dos ollos.

Cántame outra vez a canción da balea
mentres absorbes o rastro do meu nome
mentres me enches o lombo de cristais
e o corazón se constrúe

no latexo oposto.

Dime se se pode medir
a distancia que separa
a túa boca do meu ventre
o cemiterio de peixes
onde habitan as algas
o lugar exacto dos corpos
onde nos matamos cada vez
máis xuntos.

Arríscame os brazos
as medusas
ó xogo da pedra
dóeme a hora en punto en que nacemos
e se me quedan ondas
quizais entre as dúas pernas.

Atravésame unha e outra vez
o camiño da néboa
o código de luces dos faros
cando o palangre ole ós restos da suor
e os homes traen
o que lles deixa a fame.

Acálame a voz
da cidade e dos adornos
os parques visitados con anaquiños de miga
onde os cisnes dormen
para non voar máis lonxe.

Atravésame unha e outra vez
polas entrañas da carne
falándome os teus ollos
dos deuses e das algas
de cantos son os que ficaron
apreixados nas dunas
e se me quedan forzas
para regresar ás veces.

Tócame o teu núcleo
da porta para dentro
nas xanelas de enfronte
apenas nos recordan
e podemos xuntos
mastigar sen présaso aire irrespirable do bordel.

Sobre o leito
o vento se divide
e ti me pasas a dolor
das árbores das rochas e da casa

descifras a marea nun vaso de vodka....

HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA

FOI BONITO

HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA

E FOI BONITO.

(III)
CON ESPASMOS E TREMORES
CON CERDEIRAS DE PEDRA
E RÚAS ARRUINADAS

TODOS NA CASA
GARDABAMOS A MAREA NUN SOBRE PECHADO

QUE DE QUE
QUEN DE QUEN

SEN REMITE

O SILENCIO.


areados

(I)
EU RECORDO A MIÑA CARA
ESPREITANDO UN LUGAR DE TIGRES
NO TEU CORPO

BUSCANDO NA EPIDERME
O BURACO MÁIS PROFUNDO

A DOR MÁIS GRANDE

O LUGAR EXACTO
POR ONDE CAE O SOL


COMA UN NENO GORDO
CHEO DE TICS NERVIOSOS


diminuto
(II)
ESTAMOS AQUÍ
DE COSTAS Á LÚA
CON TODO A PEL MOLLADA
E OS BRAZOS ATEIGADOS DE FEBRE

( O AMOR É PARA NÓS
UN CRUCE DE DORES E VACÍOS )

POLA FIESTRA ENTRAN OS MORCEGOS
E AS OUTRAS GAIVOTAS XA SE FORON
HAI
ALOMENOS
TRES MINUTOS

COA PEL MOLLADA
E A CARA TRISTE


SOMOS UN LUGAR

UN LUGAR DE CETÁCEOS.


(III)

SOMOS COMO UN LUGAR DE CETÁCEOS
E TRES DÍAS Á SEMANA
VOMITAMOS O AMOR
DE BOCA A BOCA


LOGO ABRIMOS OS ARMARIOS
ONDE ESTÁN OS PINCEIS
AS FOTOGRAFÍAS
E AS CINTAS DE VÍDEO
COAS NOSAS POSTURAS MÁIS ÍNTIMAS.

TI NUNCA LEVAS BRAGAS
E SEMPRE FAS O MESMO CADRO
AZUL
AZUL COBALTO


EU QUEDO A MIRARTE LENTAMENTE
NON SEI
COMO SE ALGO DE TODO ISTO
ME RECORDARA A TI..

(IV)

Hoxe amarreiche os brazos ás pernas e chantei un acivro na túa boca. Despois tracei tres círculos ó redor do teu corpo, e collín unha polea.


Agora estás aí
no alto
completamente espida
e eu durmo docemente
sobre as baldosas frías

ESPERO QUE FLOREZA
ESTOU SEGURO.


teoría do lugar
(I)
Eu son o cazador

e desde hai tempo persigo unha idea dolorosa. Non o sei, quizais precise darlle a forma mutilada do meu corpo; unha pegada de min sobre unha rocha calcárea.


Tres aviadores fitan dende o alto as couvidades das miñas mans

o ruído

a pintura azulada dos meus ollos
mesturándose coa escuma salgada da marea


e o ruído

o ruído anega os ollos


o ruído


os corpos cando caen
fan ruído.

(II)
PINTO A MIÑA CARA
CON CÍRCULOS NERVIOSOS


SON
COMA UN HOME EPILÉPTICO
SEN BOCA


UN NENO PEQUENO
CON DEMASIADAS
DIOPTRÍAS.
(III)
E hoxe esperei
a que ardese a terra


busquei a postura idónea
para adentrarme no bosco
e con cal
ir gravando a distancia
entre as pisadas



agora estou no centro
ollando a lentitude
dos meus pasos
precipitarse contra as rochas


SON

COMO UNHA PARTE NO BOSCO
OU COMO UN ANIMAL ENFERMO


O SIGNO


DUNHA LOCOMOCIÓN
ARRASADA.
(IV)

O SOL NO ALTO

UNHA PELOTA DE GOMA

O MEU CORPO DEBUXADO
CON QUILÓMETROS DE XIZ

DETRÁS

A CHATARRA

A PISTA ONDE MORREN OS AVIÓNS



UNHA CAIXA
PARA ENCHER DE PLUMAS

(V)

Construír a teoría do lugar:
meterse dentro.

A primeira lembranza é a miña boca soterrada na area e centos de plumas esparexidas polos brazos.

Desfeitas.


Despois, o ruído
a chatarra inmóbil no centro das dunas
e o ruído


así de inmóbil

coma un animal de aire
pero acuático

o ruído

un vexetal pintado
con anaquiños de xiz

decrúa

(I)

Espreito a miña horta baleira
e fago do meu corpo unha decrúa


semento pegadas dixitais
no medio das ortigas

escribo
sobre o chan

palabras para morse.
(II)


Paseo por min
coma un funambulista de arame
así
coa cara desolada


sen plumas.

(III)


E así
adopto a realidade
e procuro a perfección do viandante.

Imito os seus zapatos.


Vou sorrindo do xeito en que sorrín
a tele e as familias


corto as branquias
(aplausos)

agocho a miña pel

na caixa
dos perfumes.




Son
así

un residente sen rostro

e pinto na caluga unha diana.




Vou trazando os círculos no corpo
e as colores



semento a miña pel
de frechas
e de humus.



(IV)

Quero determe un segundo contigo.

Nace o malabarista
e eu penso asistir ó seu parto entre as maceiras
do mesmo xeito
que hai tempo asistín á fundación da cidade
e da casa
e das torres do vixía
coas que matan ás baleas
para depurar o océano de todo instinto creador.

E entón falarte da visión
ó igual que un día chegou ós meus oídos
a palabra decrúa
e tender así
unha ponte infinda
entre os magnolios.

Pero non quero convencerte de nada
facer apoloxía de nada
tirar nada.

O único que quero
é construír unha historia comigo
unha narración
un relato.

A fin de contas
eu o único que son
é un texto
un relato
un poema que me conto e conto ós outros
para poder definirme
e dar coherencia á experiencia.

Igual ca ti
ou igual que a realidade.

porque eu son un linde
entre as ficcións posibles
un barco varado no areal
un lugar frecha.







E esta é a realidade


unha ficción á favor do capital
un relato de letras contra os ollos

así,
para desposuírte do espacio
e abonarte
de balas e de humus:

esta é a realidade.



Pero hoxe quero determe un segundo contigo.
Mira;
nace o malabarista
e eu penso asistir ó seu parto entre as maceiras
do mesmo xeito
que hai tempo asistín á fundación da cidade
e da casa
e das torres do vixía
coas que matan ás baleas
para depurar o océano de todo instinto creador.

E entón falarte da visión
ó igual que un día chegou ós meus oídos
a palabra decrúa
e tender así
contigo

unha ponte infinda
entre os magnolios.






o libro dos cans